miércoles, 15 de junio de 2011

O EXÉRCITO INVENCIBLE

Segundo unha enquisa, o 54% dos españois aplaude as propostas das plataformas cidadás e cren que, co apoio dos partidos de esquerda, poden obter resultados.

José María Villot
Renderse, xamais, escribe S.N.Z, moza universitaria -indignada polo presente e temendo o peor do futuro- que acampou preto do Obelisco e participou nas xornadas de "reflexión" celebradas recentemente en Madrid.

Despois de resumir as propostas aprobadas naquela asemblea -que van desde pedir un referendo sobre o modelo de Estado até arroxar das listas aos políticos acusados de corruptos, pasando pola denuncia do concordato, a creación dunha banca pública e a implantación dun ensino laico- pon a énfase no que podería ser o camiño máis recto para chegar a un goberno do pobo e polo pobo e é que, di Sonia, que se debe cambiar o rumbo para que non goberne o Fondo Monetario Internacional, a OTAN, os mercadores.

Lembra que, en contraposición coas protestas do Maio do 68, estas foron manifestacións pacíficas e que das reunións e asembleas, si saíu un ideario que vai máis aló de "atopar debaixo dos lastros a area da praia".

Por iso a mensaxe cala na sociedade e un elevado tanto por cento dos españois ve con simpatía as súas propostas e estaría disposto a referendalas co seu voto.

Por iso Sonia pide sumar forzas, unir aos iguais. Os indignados e a esquerda, xuntos, doten a estas ideas dunha estrutura, unha plataforma, unha senda que leve todo o esforzo cara a un mesmo lugar, que non é outro que unha democracia real, e xa.

E é que se analizamos as declaracións e proclamas deste colectivo (os indignados, que sumaron miles nas prazas de España) atoparemos moitas das promesas, arengas, de partidos diversos: un ensino mellor e público; o rexeitamento á corrupción; a separación de poderes etc., que unha gran maioría subscribe.

Sobre todo a queixa xeneralizada contra eses profesionais da política interesados só no seu propio beneficio: desde os que confesaron ir á política para forrarse, até os que se forraron grazas ao sacrificio dos demais.

E é que, reflexiona Sonia, "un a un somos soldados derrotados polos poderes fácticos pero, todos unidos, formariamos un exército invencible".
Así pois, ao choio.

Artigo de *José María Villot para o Diario de Ferrol
*Xornalista e escritor, ex-Director do Centro Territorial de Televisión Española en Galicia

No hay comentarios: