lunes, 20 de junio de 2011

INDIGANADOS E RESIGNADOS

Xoán Rubia
Téñolles que confesar que eu era dos que cría que a xuventude tamén estaba en crise, que pasaba por unha etapa de pasotismo fora do común e que pouco ou case nada lles importaba o rumbo que tomaran os acontecementos sociais con tal de ter uns euros no peto para cubri-las necesidades lúdicas o fin de semana.

O pensar que esa doses de rebeldía, que ten que ser inherente á mocidade, brillaba pola súa ausencia, poñía no meu ánimo un certo desasosego. Hoxe teño que recoñecer que estaba errado, que por sorte hai unha mocidade que cando o sistema outorga privilexios a uns poucos e preme máis da conta nos dereitos do resto, non dubida en botarse á rúa e amosar a súa indignación. Ata o de agora, en xeral, dun xeito pacífico, aínda que o outro día en Barcelona as cousas pasaron de castaño escuro quizais por terse infiltrado na concentración diante do Parlamento grupos que pouco ou nada tiñan que ver con “Democracia real xa!”ou o “Movemento do 15-M” e que sempre andan na procura de aplica-la violencia á primeira de cambio.

Curiosamente a prensa ao día seguinte falou moito máis deses altercados que do que a maioría dos políticos cataláns pensaban facer cos presupostos (recortes en toda regra en educación, sanidade e en outras prestacións sociais que tanto suor e bágoas custou acadar). Máis de dúas mil persoas increparon aos parlamentarios e uns poucos, lamentablemente, das palabras pasaron aos feitos con toda a repercusión mediática que iso supón e o prexuízo que carrexa á causa dos “indignados”.

Vendo a que está a caer, a mocidade e moitos non tan mozos bótanse á rúa para pedir que a democracia sexa unha forma de convivencia social na que nos consideremos libres e o goberno sexa de todos para todos, unha democracia máis directa e participativa que facilite aos cidadáns a posibilidade de asociarse e influír nas decisións que lles afectan directamente. Semella que a democracia indirecta ou representativa está tocando fondo por mor da pouca sensibilidade de certos políticos cuxas praxes afástanse cada vez máis dos intereses da cidadanía achegándose dun xeito descarado as comenencias dos mercados financeiros aos que incluso se lles entrega sen reparo algún a soberanía do noso país ¿Mexan por nós e temos que dicir que chove? En suma, estamos nestes intres mergullados nunha democracia secuestrada e xa vai sendo tempo de que a xente, aqueles que aínda cren que a verdadeira democracia é posíbel, intenten liberala daqueles que a están utilizando para acadar espurios intereses baseándose en que o fin (o seu, claro) sempre xustifica os medios.

Haberá pois que ir na procura dun sistema máis proporcional que outorgue as mesmas posibilidades a tódolos partidos que se presentan as eleccións. Haberá que repartir tamén proporcionalmente as cargas das medidas co gallo de palia-la crises e que paguen máis aqueles que a provocaron. Por iso e por moitas cousas máis están os indignados na rúa reprendendo aos políticos. Estes teñen que asumir que o feito de lles afea-la conduta entra dentro do seu cargo e do seu salario, e que o ser elixidos por sufraxio non lles da patente de corso para face-lo que lles veña en gana.

Fan ben os indignados en indignarse, fan ben en solicitar que certos dereitos constitucionais prevalezan vixentes (dereito a unha vivenda digna, ao traballo, á educación, á sanidade,etc). A ver se todo isto serve de revulsivo para tanto resignado que acepta que outros decidan sobre as súas vidas e facendas sen pestanexar. Indignación e resignación sonche conceptos antagónicos e eu, que quer que lles diga, estou cos indignados, cos indignados que reclaman pacificamente, por suposto, ser cidadáns de dereito e piden que os nosos representantes estean do noso lado e nos representen de verdade. Abofé que si
Xoán Rubia

2 comentarios:

las alhacenas del sol dijo...

No tienen la mas minima vergüenza, ya lo sabemos, pero nos sorprende tanta caradura. Es intolerable el grado que han alcanzado de derioro mental. No puedo decirlo de otro modo llegados a estas alturas de la mierda. Cada mes en Libia segun ellos suponen 14 millones de euros. Segun ellos las victimas civiles causadas por la OTAN, ese aparato de control e intervencion de los USA que usan todos nuestros serviles gobiernos, las vistmas se multiplican cada dia. Hay que gritar YA ¡¡¡¡NO A LA GUERRA!!!¡¡¡MALDITA SEA!!!!, es el gran bisnes montado en la trastienda de la crisis. Que significa intervencion humanitaria, Todo lo que los pueblos del Magreb estaban intentando conquistar, es hoy, seis meses despues, un campo de batalla. Los "nuestros" no mueren, es el the American way of death . La revolucion, las revoluciones arabes las estan convirtiendo en guerras. En los años 20 se trataba de ANTE LA GUERRA HACER LA REVOLUCION. Esto cada dia que pasa es mas insoportable. Y para que la rabia no sellene de impotencia y la violencia nos joda, hay que tomar las calles y cambiar de rumbo, forzar un cambio de rumbo. O nos vamos al carajo.Pongo aqui este texto por que no se como hacertelo llegar de otro modo. Saude compañeiro e amigo

xosedeuca dijo...

Pois claro que sí. Isto foisenos das mans paseniñamente. Tal como nos están roubando todo, paseniñamente. O SEU grao de falsidade é monumental. Chaman RESCATE cando é SAQUEO, din AUSTERIDADE cando resulta DESMANTELAMENTO, o falan de REAXUSTE ao que sempre foi DESPEDIMENTOS. E así, absolutamente todo, todo o seu discurso.
Paréceme que ESTAMOS na loita definitiva da humanidade, pola liberdade. Si, xa sei que pode parecer demasiado. Pero, temo que o calificativo non abonde si se profundiza nunha serie de informacións, que por suposto, nin están doadamente localizables, nin son populares, nin por suposto vas oir delas nos medios "habituais". O Club Bilderberg, o verdadeiro poder global na sombra, que desmantela democracias, soborna, manipula ou elimina e asasina gobernantes e persoeiros. Arruína pobos e economías enteiras. Fabrica guerras e desastres. E vai tras un plan tan definido, como o que se está vendo suceder no mundo enteiro. Pero, comecemos por algo máis próximo como aperitivo: LA CASTA, el increible chollo de ser político en españa. Por Daniel Montero
(…a vida, estaba sendo mui aburrida. A que sí !)